Roque Cameselle (Vigo, 1981) é escritor, guionista e director de cinema. Licenciado en Comunicación Audiovisual, foi profesor de guión cinematográfico na EGACI (Escola Superior de Cinema de Galicia) e titor de proxectos na BFI Film Academy (Reino Unido). Durante cinco anos colaborou semanalmente como crítico de cinema no Faro de Vigo. Na actualidade dirixe o departamento creativo da produtora Deboura Cinema e escribe sobre industria cinematográfica na Revista Dot.
Cando era moi novo dirixiu, sobre guións propios, entre outros, as curtametraxes: Memoria Indesexable (1998), A moza do último (1998) e Soldado sen fortuna (2003) e obtivo con eles varios premios nacionais e internacionais.
Despois de gañar numerosos galardóns nos máis prestixiosos concursos de narración publicou o libro de relatos O Pausiñas (Galaxia 2001), e a novela Bieito Dubidoso (Xerais 2003). É autor, tamén, do ensaio A memoria de Tui (Xerais 2002) e do libro infantil O pequeno mago (Xerais 2014). Algúns dos seus relatos foron editados en volumes colectivos.
En novembro de 2013 estreou, despois de cinco anos de duro traballo, a súa primeira longametraxe de animación, titulada O pequeno mago. Baseada no seu libro Bieito Dubidoso, esta película, foi presentada no Festival de Cine de San Sebastián e acudiu aos máis importantes festivais iberoamericanos, como o 29 Festival Internacional de Cine de Guadalajara (México), o Festival Internacional do Nuevo Cine Latinoamericano de la Habana (Cuba) e o Festival de Cine de Punta del Este (Uruguai). A súa banda sonora gañou o Jerry Goldsmith Award 2013.
A principios de 2015 Roque Cameselle produciu xunto ao seu irmán Alberto Cameselle a curtametraxe de animación Formol 105, dirixido por Martín Rodríguez. O filme foi seleccionado en máis de corenta festivais entre os que destaca o Festival de Málaga, o Festival Internacional de Cine LGBT de Madrid, Athens AnimFest 2015 (Grecia) ou o Mauvais Genre Filme Festival (Francia). Gañou o premio á Mellor Curtametraxe de Animación no XXXIII FESTIMATGE e o premio á Mellor Curtametraxe Fantástica Galega no FanCine de Lemos.
En 2017 co-dirixiu xunto a Andrew Turner o filme independente British Winters. A película foi producido por TAPE. En ton traxicómico, a película conta as desventuras de Noel Winters, un camareiro tristeiro, durante as festas de nadal. Esta longametraxe estreouse na cerimonia de clausura de The Costline Filme Festival (Gales).
No seu tempo libre actúa no grupo de punk pop Paracetamol.